Defensa da profesión
Tal como se recolle no artigo 6.2 dos Estatutos do Colexio, unha das funcións do COBGA é “exercer a representación e defensa da profesión de biólogo e dos seus intereses xerais ante os poderes públicos de Galicia e ante as restantes Administracións”.
Durante este ano o Colexio está a desenvolver unha serie de accións destinadas á defensa da profesión de biólogo:
Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade (9 de xuño). Enviadas alegacións para a modificación do artigo 3 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, modificado pola Lei 1/2010, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE, relativa aos servizos no mercado interior.
Real Decreto sobre obrigacións de visado colexial de traballos profesionais (21 de maio). O anteproxecto do Goberno (consecuencia da previsión contemplada na Lei Ómnibus) determina dez tipos de traballos profesionais de visado obrigatorio nos seguintes ámbitos: edificación; voladuras e demolicións de edificios; fabricación e venda de explosivos, cartuchería e pirotecnia; recursos mineiros; instalación de infraestruturas de telecomunicación. Agás nestes casos, o visado pasará a ser voluntario e a solicitude do cliente. Ademais, o profesional que asine un traballo que deba ser obrigatoriamente visado poderá dirixirse a calquera colexio competente por razón da materia á que se refira dito traballo. O Consello Xeral de Colexios de Biólogos enviou as súas alegacións (resultado da colaboración dos colexios territoriais) á Administración competente: ningún dos traballos está relacionado co medio ambiente, descoñecendo que o seu mal estado inflúe de maneira directa sobre a saúde das persoas, concepto que forma parte da súa seguridade e integridade física, e especificando 69 tipoloxías de memorias relacionadas co medio e que realizan biólogos que deberían ser de visado obrigatorio. Tampouco están contemplados os traballos relacionados coa seguridade alimentaria e tamén se solicita que sexan incluídos. Así mesmo pídese a eliminación do artigo do anteproxecto que prevé que un colexio vise un proxecto cuxo autor é un non colexiado. O COBGA tamén está traballando a través da Unión Profesional de Galicia para recurrir esta norma así como outros aspectos da Lei Ómnibus.
Consellería do Medio Rural (21 de maio). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria de bolsas de formación de tecnólogos e bolsas de prácticas para recén titulados que xa fora obxecto dun recurso potestativo de reposición presentado o 12 de abril.
Concello de Pontevedra (21 de maio). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra as bases específicas das prazas de Técnico en Medio Ambiente e Técnico en Medio Ambiente Natural da oferta de emprego público de 2008, que excluían aos biólogos da titulación requirida e que xa foran obxecto de recurso potestativo de reposición o 9 de marzo.
Director de Área Sanitaria de Ferrol (20 de maio). Na convocatoria do posto de Xefe de Servizo de Microbioloxía especificábase: "Título de Licenciado en Medicina e Cirurxía co título de especialista correspondente ao servizo ao que se opta". Remítese escrito lembrando que o Real Decreto 1163/2002 dispón no seu anexo que tamén os licenciados en Bioloxía poderán acceder á devandita especialidade. A convocatoria foi modificada no sentido indicado.
Director Xeral de Recursos Humanos do SERGAS (18 de maio). Envióuselle escrito para que nas convocatorias de prazas de Técnico Especialista de Laboratorio se contemple como mérito valorable a posesión do título de Licenciado en Bioloxía.
TRAGSA/TRAGSATEC (7 de maio). Enviado escrito en relación coa oferta dun posto de Licenciado/a en Ciencias do Mar na Coruña para "incorporarse al equipo encargado del estudio y desarrollo de mejoras en los trabajos realizados en reservas marinas", para modificar as bases da convocatoria no sentido de incluír aos Licenciados en Bioloxía.
Consellería do Medio Rural (12 de abril). Recurso potestativo de reposición contra a convocatoria de bolsas de formación de tecnólogos e bolsas de prácticas para recén titulados, xa que, agás as 35 bolsas de prácticas en empresas e entidades relacionadas co sector agroforestal e alimentario, no resto de casos omítese a titulación de Bioloxía.
Entrevista co director xeral de Función Pública (10 de marzo). Fixéronselle reivindicacións relativas ás RPTs das consellerías.
Deputación Provincial de Pontevedra (10 de marzo). Envióuselle un escrito relativo á convocatoria dunha bolsa da Estación Fitopatolóxica do Areeiro destinada en exclusiva a enxeñeiros técnicos agrícolas ou forestais.
Concello de Pontevedra (9 de marzo). Recurso potestativo de reposición contra as bases específicas das prazas de Técnico en Medio Ambiente e Técnico en Medio Ambiente Natural da oferta de emprego público de 2008, que excluían aos biólogos da titulación requirida.
Mobilizacións en defensa da ciencia en España (6 de marzo). O Colexio adheriuse ao manifesto proposto polas entidades e colectivos que convocaron a manifestación celebrada en Madrid baixo o lema “Por la dignidad en la investigación”.
Plan Estratéxico do Sergas (25 de febreiro). Enviouse un escrito á Conselleira de Sanidade con motivo de que o COBGA non fose convidado á reunión celebrada o 22 de febreiro para a elaboración do devandito plan. O Colexio foi convocado posteriormente polo director da FEGAS a outra xuntanza celebrada o 11 de marzo, á que asistiu a decana.
Entrevista co conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria (23 de febreiro). Fixéronselle reivindicacións relacionadas co ensino universitario e non universitario. Solicitouse:
Entrevista (solicitada) co secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (12 de febreiro). A reunión tivo lugar coa subdirectora de Persoal e Xestión Económica, á que se lle fixeron reivindicacións relacionadas coa RPT da Consellería.
Entrevista co secretario xeral da Consellería do Mar (21 de xaneiro). Fixéronselle propostas vencelladas á RPT da Consellería: cambios na titulación requirida nalgúns postos de traballo, igualar o nivel base de todas as prazas deste corpo ao nivel 24, catalogar determinadas prazas para a escala de biólogos, recoñecer o dereito a compensar horas traballadas fóra do horario normal, abrir as prazas de nova creación para veterinarios como prazas de inspección de sanidade animal e seguridade alimentaria, ofrecer en comisión aos funcionarios de carreira as prazas que se van creando…
Corpo facultativo superior Escala de Enxeñeiros de Montes (21 de xaneiro). Acórdase interpoñer recurso contencioso-administrativo contra a Orde da Consellería de Facenda, na que se convocaba elección de destino provisional para os aspirantes que tiñan superado o proceso selectivo. Solicitouse a medida cautelar de suspensión da adxudicación da praza de Xefe da Sección de Biodiversidade dos Servizos Periféricos de Lugo.